Wednesday 15 de May de 2024

O Nadal pobrense achega a opción de conciliar tamén polas tardes


A Pobra do Caramiñal incorpora á programación do Nadal dúas actividades focalizadas en proporcionar conciliación nas tardes para lles outorgar maiores facilidades ás familias nunhas datas en que a rapazada está de vacacións, segundo avanza a concelleira da Igualdade e da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra).

Así, ao obradoiro do Nadal que transcorre na quenda de mañá súmanse os seguintes servizos de balde: o Espazo de Coidados Divertidos e o Nadal Móbil.

O primeiro terá lugar do día 26 de decembro ao 4 de xaneiro, de luns a xoves, en horario de 17.00 a 21.00 horas. O punto neurálxico será o toldo instalado na praza Alcalde Segundo Durán, onde haberá obradoiros relacionados con esta época do ano a cargo de monitorado especializado, pintacaras e inchables para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos. Requírese a inscrición previa no propio espazo. Ademais, no día 2, os paxes reais recollerán as cartas das nenas e nenos.

A segunda das accións tamén busca dinamiza-lo mercado situado no Cantón da Leña. Por iso, nos días 23 e 30 de decembro habilitarase un Nadal Móbil con diversas actividades para as crianzas. Será das 18.00 horas en diante e non é necesario anotarse previamente. En caso de chuvia, cancelarase.